De por onde nace un regato que vai dar ó Portovedro
Dime a miña sobriña que meu pai me ve máis contento. Será que as miñas mans cámbianme os lentes e os meus ollos seguen coas mesmas dioptrías?
Díxome que lle contara meu pai que eu andei nas Seixas cortanto no mulime e que traballei moito.
-Si Sandriña, traballei bastante (e penso para min que cada vez que boto unha chorada debía darme un sopapo, para acordar)
-Home, pois polo menos fas cousas (non se trata de facer cousas, trátase de facelas con gusto, que lles sirvan ós demais e que estean dentro do teu plan xeral de actuación vital, e isto último non o teño claro, non sei cál é o plan de actuación xeral para a miña vida).
Cando subía na bici viña pensando no que podía escribir no ordenata desta magna aula de informática do Concello de Cabanas e viña pensando nas Seixas mentres ía vendo a florida primavera cos meus escuros lentes: hortensias, estalotes, glicinas, broches ou xa follas feitas de castiñeiro, unha morea de moscas (non lembro ben se lles chamaban Sarcofaga Carnaria, vaia nome!) tapando o que ó meu paso se descubriu, que non era outra cousa ca un rato esmagado.
Viña pensando nas Seixas e nos cerca de seis ferrados de molime que cortei coa desbrozadora de dúas rabelas, como lle chama o meu amigo Antón. E volvín acordarme do caso curioso que nos pasou cando traballabamos no Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega na rúa das Tabernas, nº 14. Pois resulta que chamou un mozo que tiña como segundo apelido “de Cejas” e que tales cellas viñan sendo as Seixas do monte onde eu andei rozando ou calquera dos centos de Seixas que pola Península haberá e que outrora se escribían con iota ou “jota”. Os “escribientes” de daquela facían moitas “correuciós” nos apelidos que soasen a galego, dai que o ditongo ‘ei’ se quedase en ‘e’ (non pasou iso con Pereira). Logo tamén ocorreu que naquelas zonas onde estaba mal visto o seseo, había un tendencia a escribir co son da letra C. Coma por exemplo dicir Cevilla por Sevilla. A petición daquel mozo era que lle expedisen un papel avalado pola Academia onde se certificase o malentendido, ou sexa que non quería ser Cejas senón Seixas.
Como somos humanos pronunciando as palabras. Eu mesmo antes de saber algo de “jallejo” sempre lle chamaba ós oito ferrados As Eixas e non As Seixas (todos eles no concello de Vilarmaior). Compréndese?
Dedicado con cariño polo seu aniversario ó meu amigo Marcos, o home dun dos máis fermosos sorrisos que coñezo.
A foto foi tomada de http://www.fotosearch.com.br/fotos-imagens/seixos.html. Grazas aínda que fose sen o voso permiso.
1 comentario
marcos -
camicaces do ensimismamento
como non aghacharse cando é non
de atoparse non é o momento
E disque a alma enferma
que apoza no tempo
que non hai sacra cousa eterna
nin fuxida real pro pensamento
O corvo sobrevoa o niño e o estorniño perseghe ao corvo
flue na procura o medo
e nunca máis neghras son as ás do corvo
e nunca máis paxáros hai na testa
cunha ramiña de texo no peteiro
que en unión ao corvo venzan