as corredoiras
Hai un sitio na parroquia onde nacín que lle chaman o camiño da Lagoa. Ten un mitadoiro con aquel outro chamado o camiño do Pulo. E cal é o tal mitadoiro? Pois que son eles dous, camiños congostreiros, moi fondos e escuros. As ribadas moi altas e moitos os carros que por alí pasaron durante, por que non? Miles de anos. Na lama deses dous camiños non se ven labradas as relleiras dos carros coma nas penedas de granito ou de lousa doutros lugares da Galiza.
O camiño da Lagoa estivo inzado de silvas durante toda a miña nenez e só se sabía que era camiño porque camiño se lle chamaba, non porque ninguén camiñase por el. Amais de silvas, medraban formando unha carapucha sobre del, unha chea de loureiros romanos e dos outros onde, seguramente, facían os seus niños os pombos. Nunca souben se os tales pombos comían das lorbagas dos loureiros romanos ou das dos outros, dos que se levan a bendicir o Domingo de Ramos.
O camiño do Pulo con ser tamén como un fochanco, era máis transitado. Máis dun veciño levaba o leite ata o lugar de Ogrobe pasando por riba do adro da igrexa o do campo da festa. Era costume tamén por non enchoupar os pés nin enzoufarse de cencerrellas nos baixos dos pantalóns ou das saias, desviar as augas que polo Pulo baixaban, e abrir co sacho unhas angalas de treito en treito. Así e todo con que pasara un carro, as rodeiras xa se encargaban de desfacer o traballo feito co sacho, e volvía a auga a correr polo medio e medio do camiño.
Non eran estes dous camiños os que eu mellor coñecía porque cando eu viña da escola subía polo Melidao, chegaba ata á Vrea e ó chegar ó Pasadoiro da Pedra, collía por un serventío ó que desde sempre lle chamaron o camiño dos Percigueiros. Este camiño si que era especial para min. Está orientado ó oeste e desde el vese a ría de Sada e a Coruña. Os días de auga e vento, valía máis levar recollido o paraugas porque cando te dabas conta xa aló ían as varillas, e nos días de sol, á xunta da tarde, parábame ben veces para ollar a luz intermitente do faro de Brigantia e as nubes roibas no horizonte do mar que despois lle deron en chamar Ártabro.
Chelís

2 comentarios
EU -
SON EU -