Blogia
aluspare

os lexicógrafos

Os lexicógrafos (eu son lexicógrafo) son seres humanos, coma ti e coma calquera outro ser humano albanel, por exemplo.

E escriben frases nominais en que o núcleo é un substantivo para definir substantivos, como tamén escriben frases verbais, para definir verbos.

Os albaneis -e se queres chamámoslles pedreiros- (na miña terra houbo un pedreiro que veu pasar a santa compaña e levouno) tamén fan frases coa paleta ou co esparavel (se queres escríboche esparabel con b longa, por se non sabes ben o que é un esparavel por culpa de se está "mal escrito") e raian o recebado ou enfoscado (que se fora ben escrito será con U porque seica vén do latín FUSCUS, claro que non sei se era breve o tal U, e agora non teño vagar para miralo e aínda que fose breve para qué ía evolucionar "normalmente", e se fose longo, ben que podía dar nun O, digo eu) e, así e todo, como che dicía, van recebando, para que outros veñan pasteando atrás e outros máis, chamados pintores, tamén fagan o seu, que se acaso mancharán o acamelado do sobrado. E así se van construíndo as casas.

Cadaquén ten as súas teimas, compañeiro do metal, como dirían os do naval (sector). É difícil desentretiñar (como dirían na miña terra e se non vén nos dicionários -palabra esdrúxula- axiña te podes dar conta do sgdo.), e difícil desentretiñar a teima boa da teima que fai mal, como tamén é difícil deslinguirse dela, axiña que a detectaches.

A min dinme que interprete co corazón. Que me di o corazón?

A min corazón dime que todos os lexicógrafos xuntos non dan conta nin dun araboíño do caudal deste grande corgo que son as falas galegas.

E ti que me dis?

Esta noite estiven lendo un cachiño dunha aventura dos tres investigadores e pois, resulta que tiñan un sistema de redes para obter información: ti tes cinco amigos e eses cinco amigos teñen, cada un deles, outros cinco. En pouco tempo eran capaces de obter a información necesaria para proceder á seguinte fase no seu labor.

Alguén sabe a qué me estou a referir?

Hai quen pensa que cunha enquisa sobre algo previamente investigado se pode obter unha información de calidade. Hai quen pensa que ese método condiciona a resposta.

Hai quen ten feito un traballo de caracterización da fala dunha localidade en seis meses. Outros non o acaban na vida, porque a vida é cambiante e a realidade observada tamén o é, ademais de múltiple.

En fin. Adiante co teu plan. Digo eu.

Eu o que fago é levar unha libretiña comigo, agochada na carteira. Se vexo quetal, non a saco, e setal, si.

E que pasa? Pode pasar de todo, coma as nubes. Poden pasar coma castelos ou ovelladas, neboeiro con papuxeira, ou arroibadas.

E falando de todo un pouco, que tal o outro día no A treu?

Parece que está todo feito, e nada está feito. (Lembra o bou bou que che produciu o de “NADA E TODO”?

Outro día, se queredes, e agora falo doutra maneira, falamos de "planos" e da coherencia, da honestidade, da falta de fe, do caro que está o gasóleo, de miña nai (o outro día vin o empezo de Blade Runner?), da rabia, da pena, do ben que podía ser e non é, do bon que é o do malo que sería..., da miña filla).

Tal como o escribo o mando e, despois, mañá ou pasado ou "po" mes.

Feliz resto do día

PDT.: Gustaríame contar tamén o que me pasou esta fin de semana. Foi baixando cara ó lugar de Covés. Volvín lembrarme das falcatruadas que faciamos (non me chegaría aquí o espacio). Chegando a un soutelo novo senteime ó pé dun castiñeiro, pero como a muña estaba toda enchoupada do que choveu estes días, collín unha boa presa de fieitos secos e amañei un bo sentadoiro. Pensei no vello fotógrafo que alí, máis abaixo, vivira e que non hai nada que morreu e acordeime de que unha vez lle dixera que tiñamos que rescatar tanto negativo que por algún lugar tería amoreado e que ben podía volver revelarse e positivarse e dalo a coñecer. Si, cantas cousas que nunca pasan de ser plans, por non ter a coraxe suficiente.

Case non fago outra cousa ca chorar e pregúntome por qué a muña non podía ser o que oín que era e só case pode ser “desperdicios o residuos de los cereales que se criban”. Porque se fora tamén a “caruma seca”, que sería a “caruma”? a garuma? E que é a garuma? con gheada o sen ela.

As redes

Como se constrúe unha rede? A rede xa existe, o caso é decatarse de que existe. Se non a vemos, por máis que a queiramos tecer, sempre se nos esfiañará por algún sitio.

E agora, se tal, que falen as mirixildas, porque eu non debería falar, por prescrición facultativa. Que non sei qué opinarían os médicos sobre o noso caso.

2 comentarios

Rioboo -

Ei compañeiro do draghón, a loita da paix continúa, fálache un antighuo viaxeiro do lombo do dichoso draghón da hestoria de non acabar.

De profesión o que me encamiñe a profesionalizarme na miña vida.

Aghoro sonche aprendiz dalgho que quere facer xoias pero a xoia que che dou aghora é a de corrovorarche as túas verbas de sabio para animarche para que teñas o valor de sentir o teu corazón e que nesa conversa triunfe a fé en ti.

Quéreche onde queiras meu amigho

meighiña -

Non pon nada sobre o bardo tolo, sobre quen é, sobre as súas encrucilladas.