Blogia
aluspare

abril

Abril significa "primavera" e tamén "merlo asubiando pousado nunha antena de televisión que te comunica co exterior", mentres o teu interior non oe o merlo, porque abril quere dicir tamén "ansiedade que escaravella acá en lo blando" como cantaba e canta Silvio Rodríguez.

Acabo de empezar un novo camiñar que espero pase das tres intervencións, e dixen tres sen pensalo. Tres é un bo número.

Por qué aluspare? Sinxelamente porque é o nome que uso no meu correo electrónico, ó que lle engadín o que se chama na ciencia que estudo, un "e" paragóxico. Si, é o e que, na fala, vai despois dos infinitivos, pero tamén é o e de "mare", do mare fermoso, ou os es de "eue" e de "voue", que non son menos fermosos có mare.

Os es de eue e voue, oínllos a unha muller de Buebre (Boebre) e ese día, amei un pouco máis a fala, a fala dela e a miña. Si, un pouco máis. Si, de non amar nada, vaise amodiño amando un pouco máis. Si, amar é un proceso vagaroso coma o camiñar do sapo. Tan a modo camiña, que de cando en cando para e agóchase debaixo dunha pedra e alí queda durante moito tempo, ata que lle chega a hora de amar outro pouquiño.

Aluspar é unha palabra da miña terra e isto que vou contar xa llo contei a moita xente daquí e dacolá. Un día estaba no fondal dunha leira que se chama Aneiros e díxome un cazador:
- O porco bravo axiña te aluspa, e máis se estás fumando.

Un cazador pretende que a presa non se decate da súa presencia, daí que se poña contra o vento. O porco bravo fai moito derramo. Este día en Taboada un gandeiro queixábase de que o porco buláballe nos prados e por máis que lle pon o pastor eléctrico, sempre busca a maneira de entrar por outro lado.

Aluspar quere dicir "decatarse da presencia de algo ou de alguén que non debe ser visto ou que non quere ser visto". O que pasa é que moita xente da miña terra, prefire no canto desta palabra usar estoutra: osmar. Osmar é pretender decatarse e, por extensión, decatarse mesmamente diso que estaba oculto.
-Xo osmou (xa o osmou = xa o aluspou)

Aluspar aluspan ben os animás. Nós, os humanos perdémo-lo osmo, como din os vellos, que por vellos, pensan que o perderon, pero se acaso, inocentemente non saben que o están recuperando coma cando eran nenos. A infancia é o momento en que mellor se aluspa, cando aínda non usamos nin lentes nin audífonos nin botillos, que actúan como filtro da percepción.

Díxome Estevo que o merlo é un filósofo

2 comentarios

Javier -

A veces la humildad está en saber que nos moriremos en deuda con el mundo, pero también recordando que el mundo está en deuda con nosotros, pues formamos parte de una GRAN SIMBIOSOS

pilra -

no bicarelo do bico da antena canta que canta o merliño